Thursday, June 13, 2013

galiza general strike and blockage

GALIZA: Ferrol Paralizado pola folga xeral.

Ferrolterra paralízase e sae masivamente á rúa nunha folga xeral histórica

prazapublica
Coma se fose un domingo. Ferrol amenceu este mércores paralizada por unha folga xeral unitaria, convocada por CCOO, UGT, CIG e USTG para "exixir solucións" ante a grave crise económica da súa bisbarra e tamén das comarcas de Eume e do Ortegal. A taxa de paro superior ao 30%, o peche continuo de empresas, a emigración e o desmantelamento de sectores como o naval ou o eólico provocaron unha resposta histórica nun paro que transcorre sen incidentes e coa presenza de piquetes que nin tan sequera tiveron que actuar ante o apoio e solidariedade da cidadanía. A indignación do pobo ferrolán culminou nunha masiva manifestación na que milleiros de persoas ateigaron as rúas berrando por un presente, pero tamén polo seu futuro.
Industria, áreas comerciais, hostelería e Navantia amencen sen actividade na comarca de Ferrolterra
Os sindicatos destacan que a industria quedou paralizada, ao igual que as grandes áreas comerciais como o Odeón, onde os establecementos espertaban xa pechados no momento no que os piquetes se dispoñían a levar a cabo a súa rolda habitual. Río do Pozo, Vilar do Colo, Penapurreira u Os Airíos están baleiros. Os operarios do lixo non recolleron os colectores e a quenda de noite de Navantia non traballou, do mesmo xeito que o Concello, onde os bombeiros desbloquearon a entrada pero onde non hai actividade. Empresas en grave crise ou ameazadas de peche, como Alstom e Megasa, secundaron a folga, Reganosa traballa con servizos mínimos e o pequeno comercio e a  hostelería do centro non só pechou as súas portas, senón que apoiou con carteis nas fachadas este histórico paro.
Foi un paro total, do 100%, segundo as centrais, aínda que a Xunta cifrou o seguimento na administración xeral e nos organismos dependentes nun 16%.
Os incidentes foron mínimos, agás a tradicional concentración de piquetes ás portas de Alcampo para evitar a súa apertura ou algún enfrontamento con algún camioneiro illado que intentaba levar a cabo a súa xornada  habitual. Tampouco se rexistraron altercados nunha manifestación histórica. Milleiros de persoas -unhas 50.000 segundo varios cálculos- das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal saíron ás rúas da cidade para amosar a súa indignación pola falta de solucións á grave crise económica que golpea a zona, pero tamén para reclamar medidas urxentes ante a falta de respostas ao desmantelamento de sectores estratéxicos claves como o naval, presente sempre nas proclamas e na mente de todos os manifestantes.
Os sindicatos destacan a solidariedade da cidadanía, que apoia masivamente o paro xeral e que saíu masivamente á rúa

Todos os sindicatos celebran xa o "éxito" do paro xeral e reclaman ao Goberno galego que cumpra cos seus compromisos coa comarca e co naval, farto de tantas promesas incumpridas. Así, desde CIG-Ferrol xa piden á Xunta que "tome nota" da resposta da cidadanía e que achegue xa "solucións políticas, porque todos dependemos das decisións políticas", para arranxar unha crise que está a provocar unha "emerxencia social".
A clave do éxito desta folga xeral, segundo as centrais sindicais, está no feito de que "todas as familias de Ferrolterra" estean afectadas dunha ou doutra maneira polo paro e a crise económica. "Sabemos de xente que está a sacar os seus fillos dos estudos porque non os poden pagar", reflexiona Manel Grandal, co-secretario comarcal da CIG, que entende que "todo o mundo reacciona cando lle tocan o peto". E nesta comarca, non hai quen non estea sufrindo as consecuencias dunha recesión que se ceba de maneira especial na zona. Pelexan polo presente e polo seu futuro.
Reacciones: 

No comments:

Post a Comment