Galegas 8M Ferrolterra e a
Comisión Revolta Popular Marzo1918
organizan esta cuarta feira unha homenaxe ás mulleres que iniciaron e
protagonizaron a revolta de 1918 en Xuvia e que se estendeu pola
comarca.
A revolta sucedeu no contexto da I Guerra Mundial. “O estado español
quere aproveitar o contexto e vende trigo e outras materias primas aos
países en conflito desabastecendo mercados internos. En Galiza
proliferan “acaparadores” subindo abusivamente os prezos de produtos de
primeira necesidade e é neste contexto que o gobernador da Coruña
prohíbe a saída de trigo cara Ferrolterra polo que perigan postos de
traballo e case non se pode adquirir mesmo pan”, explican no manifesto
que se vai ler esta cuarta feira.
As protestas prenderon na feira de Xuvia e nas vilas de Neda e Narón os días 8 e 9 de marzo de 1918,
encabezadas por mulleres. Dúas mulleres, Josefa Noval Luaces e Rosa
Tenreiro Ameijeiras, remataron feridas de bala. A faísca xa se
convertera en incendio. Mulleres organizadas decidiron cortar o
subministro de materias a Ferrol. As protestas derivaron en apedramento
de negocios de acaparadores e especuladores -de aí
o nome popular dos sucedidos: a Revolta das Pedradas-.
A bisbarra, de novo coas mulleres en primeira liña, xúntase a marchas e
accións reivindicativas. O día 13, na feira de Sebes, a Garda Civil e
tropas de infantería e cabaleiría, ás ordes do tenente Pedro Alcaide,
disolven as multitudes. Houbo polo menos cinco mortos, entre
eles Francisco Delgado Vilanova, Valentín Muíño, Manuel Romero
Romero e María González e Fernández
“A revolta durará todo o e serán detidas mulleres que se lles
condenará por “rebelión” con xuízos militares inxustos, elas baixo o
lema “Temos fame! Abaixo os acaparadores” maniféstanse en Ferrol e todos
os recunchos da comarca: asaltos dos trens en Fene con centos de
mulleres deitadas nas vías do tren, comisión de mulleres en todas as
vilas, apoio dos asteleiros e arsenal de Ferrol e Fene, folgas, mítines
masivos e solidariedade, moita solidariedade. O eco chegou a media
Europa e outras revoltas de mulleres teñen lugares en sitios como A
Coruña, Vigo, Escairón baixo o lema “Aquí bastamos Nós!”.
Un monumento será erguido en 1933 en Sedes, onde un día 13 de feira
caerán abatidas sete persoas por disparos da Infatería e Garda civil,
pagado a través dunha colecta popular mais o fascismo tirarao en 1936. O
monumento foi reinstaurado o ano pasado grazas ao compromiso veciñal.
Monográfico De Nós
O primeiro número do
monográfico De Nós, editado por Sermos Galiza S.A.,
Rebeldía galega contra a inxustiza Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo,
realiza un percorrido polos masacres máis significativos que tiveron
lugar o século pasado na Galiza. Comeza con “As mortes no Campo da
Porta”, sobre os feitos decorridos en 1894 na parroquia pontevedresa de
Salcedo e asinado polo historiador Xosé Álvarez Castro; continúa con
“Que se vaian todos! Conflito, loita e morte en Oseira”, do investigador
Xosé Ramón Ermida Meilán, que fala do masacre de 1909 e con “Os
mártires de Nebra: cans, 1916”, do historiador Eliseo Fernández. Tamén
recolle “
Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda”,
un traballo asinado polo historiador Francisco Rodríguez Sánchez; “As
mártires de Sofán. Algo máis que atavismo”, do historiador Xan Fraga, e
“Sobredo: paz, xustiza e traballo”, de Xosé Manuel Suárez Estévez,
historiador e membro do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de
Sobredo. Fechan o monográfico o investigador Antón Capelán Rei, que
afonda na repercusión que todos estes sucesos tiveron no ámbito
literario e artístico, onde destacaron, polos seus traballos, Ramón
Cabanillas e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e a historiadora Lucía
Veciño Souto, cunha peza sobre o papel das mulleres nas revoltas
agrarias.
Publicado en Sermos Galiza.
No comments:
Post a Comment